Xa está rematando un ano que nos deu moitas alegrías e que nos agasallou con moitos momentos inesquecibles.
Comezamos o 2025 coas últimas presentacións do documental “Seguimos en pé” ao longo do País e, coa chegada da primavera, saímos de xira cun novo show que estivemos perfeccionando e coidando durante meses.
A xira do 2025 quedará gravada a lume en nós por momentos épicos como a pre-estrea de “A primeira estrela que saia” en directo no festival Revenidas con Sara acompañándonos, a polvareda do Pardiñas (onde actuamos por primeira vez tras dúas decadas soñando con tal feito) ou podendo cantar porfín en Compostela ao caer a noite do 24 de Xullo.
Non podemos esquecer as tres grandes reivindicacións máis repetidas por público e banda en cada evento: O fin do xenocidio en Gaza, a pésima xestión dos incendios e o berro máis escoitado nos palcos da Galiza: ALTRI NON!
Un ano máis na vida de Dakidarría (e xa van 22) que rematará o vindeiro día 12 de Decembro no YALAH FESTIVAL en Vigo. Un evento solidario onde todo o recadado será destinado ao pobo Palestino. As entradas están esgotadas pero podedes colaborar coa causa mercando FILA 0 na seguinte ligazón: Comprar entradas Yalah Festival – Free Palestine
Grazas por estar un ano máis a pé de canón con Dakidarría, prometemos dar moita guerra no 2026 e lanzar nova música!
Lume para todas no ano que entra, saúde e terra!
